Podes baixar os dous temas en mp3 directamente coas seguintes ligazóns :

  1. Saturnino M. Navarro - Alborada Gallega (1910).mp3
  2. Saturnino M. Navarro - Os meus amores (1913).mp3

OS DISCOS

 
 

Na Regueifa Plataforma temos o pracer e o privilexio de inaugurar a sección adicada á arqueoloxía musical galega coa restauración e edición da que posíbelmente sexa a primeira gravación da Historia dun solista cantando en galego. Nos anos 1910 e 1913 Saturnino M. Navarro gravou e publicou en Buenos Aires dous discos co selo Polyphon nos que se atopaban dúas pezas galegas: Alborada Gallega , unha composición de Pascual Veiga sobre un texto de Francisco María de la Iglesia e Os meus amores , unha composición de Xosé Baldomir sobre un texto de Salvador Golpe .

Aínda que a primeira gravación galega a realizara o Coro Aires d'a Terra na Coruña en 1904, o achádego destes dous discos, procedentes dun anticuario alemán que os trouxera de Uruguai, amosa que foi na diáspora arxentina apenas un lustro máis tarde onde por primeira vez un solista rexistrou a súa voz cantando en galego. Agora, case un século despois, as novas tecnoloxías nos permiten oferecervos restaurado e dixitalizado este fulcral documento sonoro da nosa historia musical e fonográfica.

Dixitalizado, restaurado e editado por A REGUEIFA PLATAFORMA