Podes baixar un Zip de 10 MB cos catro temas en mp3 premendo aqui ou baixalos directamente coas seguintes ligazóns :

Capa do CD

 
 

"Isto que tes nas “túas mans” e que igual che parece unha trapallada sen xeito, para o que o escribe non o foi tanto. É a primeira e unica maketa dun grupo de Ourense. Onde non se prodigan moitos grupos e na cidade onde o máis coñecido a nivel musical foron e seguen sendo ata o momento e falando de rock o grupo Los Suaves que particularmente a min non me chistan demasiado por non dicir que non me gustan nada.

Este grupo de Ourense chamábanse The Tractors e existiron durante tres anos aínda que só puideran ofrecer dous concertos xa que o que debería ser o primeiro foi boicoteado en Lalín o 23 de xuño do ano 1999. E digo boicoteado porque non nos deixaron tocar nin usar os instrumentos xente que organizaba o tinglado crendo que íamos de “estrellitas”.

O que ocorreu é que estábamos moi nervosos e tiñamos impaciencia por probar e se nos cruzaron uns pseudopunks polo medio aos que lle caímos moi mal e así foi que a cousa ao final case acaba en tangana entre xente de Lalín e xente de Ourense que ademáis se achegaran para vernos debutar nun escenario e non puido ser.

Foi na Cañiza onde debutamos dentro dun festival recén posto andar e moi escaso de público, nese momento, onde nos subimos ao “tablao” supernervosos pero que durante o transcurso do que dura o concerto coido que non o fixemos tan mal, salvando os típicos erros de directo dun grupo punk-rock con case todos os seus integrantes bastante borrachos. E ademáis foi o penúltimo, ou sexa que só ofrecimos outro concerto máis esta vez no Barco de Valdeorras nunha especie de pub onde ata tivemos teloneiros e onde acabou a vida dos tractores despois de dous concertos, tres anos e unha maqueta grabada en estudio con catro temas no mesmo Barco de Valdeorras onde tiñamos realmente un clube de fans…incrible non?

Foron moitos ensaios e moitos concertos aos que asistimos como público sobre todo na sala de Ourense Rock Club e foi ser un pouco “cagados” á hora de comezar actuar e foi que nos sobrepasaba e foi que nos empezamos a levar mal e foi que o deixamos.

A historia comezou por unha rapaza e un rapaz que eran parella (daquela) que tocaban as guitarras e por un colega meu que era amigo da rapaza e que se puxo en contacto comigo xa que sabía? aporrear unha batería. A historia foi que esa parella e máis un servidor estivemos meses pasandóo bastante ben no local de ensaio que era un garaxe do mozo da parella nas Camelias ao carón da rúa Pozo do inferno no corazón do Barbaña. E a historia foi unha grabación caseira na que a moza era a voz nunha versión de Las Vulpess e o resto era instrumental e básicamente raro. Despois quixéronse ampliar as miras e eu contactei cun colega, que sabía aporrear un baixo (instrumento) e foi collendo xeito. Pasaron meses e nunha servilleta de bar apareceu a palabra The Tractors e así quedou. Houbo outra grabación caseira de xa bastantes temas que se ían compoñendo entre todos e de súpeto debido ás miñas improvisacións á voz insistiron (sobre todo a moza) que me puxera a cantar. O malo é que eu non daba coas dúas cousas á vez (batera e voz) e iso era realmente un problema. De súpeto apareceu un “tocaio” meu. Tamén baterista (por desgraza, recentemente falecido) e fomos cinco e xa ía algún ano e aquilo soaba pero nós só queríamos ensaiar e ensaiar. Un día grabamos unha maqueta xeitosa caseira e mandámola á revista Ruta 66 e puxeron unha reseña cunha crítica moi boa (para o que era) e seguían saíndo temas entre todos a nivel musical e as letras as facíamos o colega e máis eu. Facíamos moitas versións pero eu non sei nin quería aprender inglés así que as cantaba nun idioma que alcumamos como “guachugüei” . As cancións propias estaban en galego e aínda que todos eles gostaban do garaxe e do power pop eu era máis punki e gustábame como lles saía ese “garaxe” tan besta. Tamén había algunha outra incompatibilidade como que eu quería lanzar unhas mensaxes distintas, normalmente, aos grupos de garaxe e aínda que respetaban as miñas letras tampouco eran santo da súa devoción.

Éramos un grupo con bagaxe de ensaios, compacto e con temas propios e con versións faltaba actuar pero no fondo había un reparo, un medo escénico… por isto o desta “xoia-freak” que “tes nas mans”.

Molou máis o de grabar pero o mesmo día antes de ir ao Barco para facelo o meu colega deixou o grupo por motivos que non veñen a conto neste escrito. Apuntóuse para suplilo outro colega que nos acompañaba moitas veces nos ensaios. Grabáronse catro temas propios e aínda que un pelín trapalleiros e aínda que eu tiña unha afonía da ostia pois non quedaron moi mal (isto mesmo dixeron noutra reseña na revista Ruta 66). A maqueta tamén foi comentada no xornal semanal A Nosa Terra. (he, he)

Cambiamos de local de ensaio e nos metimos nun alquilado dunhas galerías no casco vello que daban pola parte de abaixo a un mítico pub xa pechado daquela de rock and roll: o Soda. (Estas galerías puxéronse de moda despois e máis tarde ensaiaron nos numerosos locais moitos grupiños (nun principio Lamatumbá, por exemplo) aos que á maioría e para a súa desgraza lles pasará como a nós) Ben chegaba despois de moito tempo a hora da verdade. Tiñamos que tocar en directo senón que grupo éramos?.

Incorporóuse ao baixo un colega do batera e eu comeceime acompañar dunha pandeireta. Tiñamos un bolo en Lalín xa vós contei como foi e ao pouco tempo (un mes e medio ou así) The Tractors (xa nos enteraramos que había un grupo Country ianqui que se chamaban así e eran moi famosos) pois The tractors de Ourense tocaron na Cañiza. É un concerto incompleto porque cando quedaban un par de temas por tocar, ao noso guitarra (superhendrix) déulle unha EMT e arramplou co mástil da guitarra contra o ampli e despois déulle unha patada ao mesmo ampli e armóuse un pifostio e acabóuse o tema.

Finalmente cando xa tiñamos decidido que o grupo se fora á merda tocamos no Barco onde tampouco estivo mal, ademáis pagáronnos como a un grupo de “verdade” pero confirmóume que o mundo do Rock and roll non era para min e sobre todo se nos temos que aturar xente coa cal non conxeniamos moito… así é a vida.

The Tractors desapareceu pero non era un mal grupo de punk-rock, en serio, só que hoxe volvería pasar, nas mesmas circunstancias, o que pasou…unha mágoa.

Só comentar finalmente que agora que na música que se fai e na galega tamén está de moda o frikismo, incluso a superficialidade, ou os malos panfletos, a mestizaxe famosa… nós eramos un grupo que nos tomábamos moi en serio o que queríamos facer tanto na música como nas letras quizais por iso tamén fomos irrisorios e frikis"

Anónimo Pérez

Contacto: a_a@expoplanetarium.net

Preme aqui e aqui para ler as reseñas de The Tractors nos números 160 e 165 da revista Ruta 66.

The Tractors está editado por A REGUEIFA PLATAFORMA.